No ano 2024 metímonos de cheo nun novo proxecto da Asociación Maisdetres en colaboración coa Fundación Daniel y Nina Carasso, o proxecto
Daquidarredor é un proxecto ilusionante que vincula a moitas persoas, asociacións, a Fundación Daniel y Nina Carasso, empresas, administracións, un formigueiro de xente, de ideas, de proxectos, de soños compartidos.
Uns soños sairán adiante. Outros non. Pero xa só o proceso vale a pena!
QUEN SOMOS?
En Daquidarredor móvense as persoas das asociacións Mais de tres, Darredor, Baroña e Filloas da pedra da Baña. Pequenos e pequenas produtoras de horta, froita e carne que coidan as súas producións con todo o mimo, coidado, bo facer e respeto pola terra aprendido dos seus maiores.
Móvense os profesionais das hostalaría que xiran arredor da asociación hostalaria.gal, cociñeiras e cociñeiros responsables e comprometidos co desenvolvemento do seu territorio, apoiando sempre aos pequenos e pequenas produtoras locais.
Móvense as casas de turismo rural da Federación Galega de turismo rural (FEGATUR), máis de cen casas de todo o territorio galego que ofrecen aloxamento, gastronomía e experiencias, actores do desenvolvemento da súa zona.
Móvense as nenas e nenos dos comedores escolares de Ames e a veciñanza deste concello que acude ao seu mercado de produto labrego, asegurándose unha alimentación boa, sana e saudable.
Móvense os concellos de Ames e Brión, os concellos de GDR Terras de Compostela, a Deputación da Coruña, a Axencia galega de calidade alimentaria, administracións que, co seu apoio, favorecen que este proxecto poida ir adiante, participando de xeito activo nas súas accións.
Móvese a Fundación Daniel y Nina Carasso, sen o seu apoio económico e técnico este proxecto seguiría no caixón agardando a súa oportunidade.
Móvese todo aquel e aquela que teña ganas de facer cousas e se queira achegar.
ONDE ESTAMOS?
Estamos en 25 concellos da provincia da Coruña, desde Santiago de Compostela ata a costa Atlántica: Brión, Ames, Padrón, Rois, Dodro, A Baña, Negreira, Santa Comba, Val do Dubra, Mazaricos, Outes, Noia, Muros,Lousame, Porto do Son, Teo, Vedra, Boqueixón, Santiago, Muxía, Carnota, Cee, Corcubión, Fisterra e Dumbría.
POR QUE O FACEMOS?
O proxecto Daquidarredor responde á necesidade común de artellar un sistema agroalimentario baseado en alianzas entre a parte produtora, a parte consumidora, a administración, para poder vivir de producir alimentos frescos, cociñados e transformados e poder adquirir unha alimentación sa e accesible á poboación.
Necesitamos promover, dinamizar, pilotar e facer creibles estruturas democráticas, estables, autoxestionadas e cogobernadas desde o sector produtor e o sector consumidor, baseadas na confianza e o apoio mutuo, para cada día ir sumando a máis persoas produtoras e máis consumidoras.
O obxectivo principal é recuperar as relacións económicas e sociais "humanizadas" para desenvolver propostas colaborativas e colectivas que permitan a instauración dun SISTEMA AGROALIMENTARIO TERRITORIALIZADO nas comarcas do proxecto.
QUE QUEREMOS?
Co proxecto Daquidarredor queremos:
- Valorizar o traballo colaborativo e colectivo
- Crear novas sinerxias rurais e urbanas entre administracións, persoas produtoras e consumidoras que sirvan para que outras persoas e colectivos participen, xerando dinámicas de colaboración beneficiosas e de futuro.
- Incidir na importancia da conservación da nosa cultura agronómica e gastronómica, a nosa dieta e os nosos produtos diferenciados.
- Promover a experimentación con novos cultivos que poidan adaptarse ao territorio e á innovación nas cociñas.
- Poñer a disposición da sociedade alimentos saudables de alta calidade, coidando o territorio e as relacións sociais.
- Incidir en hábitos de alimentación saudables na restauración colectiva.
- Acompañar en todo o proceso ás persoas e empresas, de calquera ámbito, para levar a cabo o seu proxecto individual inmerso neste proxecto colectivo.